O Concello de Allariz, a través das áreas de medio ambiente e promoción económica, ven de poñer en marcha unha campaña de limpeza baixo o lema Un Allariz máis limpo é cousa de tod@s.
O obxectivo é concienciar á cidadanía, tanto veciñanza como visitantes, da importancia da súa colaboración no mantemento e coidado do noso entorno. Con motivo desta campaña colocáronse, esta mañá, carteis nos expositores da vila que serán difundidos, ademais, a través das redes sociais do concello. Na cartelería reza o slogan da campaña xunto con varios hastags que se utilizarán co obxectivo da súa difusión en redes “buscando a máxima participación cidadá en materia de coidado e limpeza do espazo público” segundo sinalaba a concelleira de Promoción económica, María López.
A iniciativa inclúe unha nova acción simbólica, este venres, para mostrar a cantidade de lixo que se xera en Allariz as fins de semana e que pretende baleirar as rúas de cabichas, bolsas de plásticos, excrementos de mascotas e outros residuos. A través de diferentes actividades programadas no marco da nova campaña de limpeza búscase, segundo explica o concelleiro de medio ambiente Bernardo Varela, “manter a vila limpa coa colaboración de todos/as.
Trátase de fomentar e mellorar a limpeza viaria nas rúas de Allariz”. Nas vindeiras semanas, en colaboración co comercio e hostalería así como os centros docentes, levaranse a cabo diversas actividades de sensibilización e concienciación.
Comentarios recentes