+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

Información

Localización

REXIÓN BIOXEOGRÁFICA
Cántabro-atlántica, sector Galaico-Portugués, (subsector Juresiano-Queixense) e a Mediterránea (sector Ourensano-Sanabriense)

COMUNIDADE AUTÓNOMA E PROVINCIA/S
Galicia (Ourense)

CONCELLOS:
Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos

DECLARACIÓN: 29 de Xuño de 2005

SUPERFICIE: 21.842 ha
Zonas Núcleo……………. 0,69%
Zonas Tampón………….. 46,99%
Zonas de Transición ….. 52,32%

POBOACIÓN:
Interior da Reserva: 9.716 hab.
De Influencia: 30.000 hab. 

Que é unha Reserva da Biosfera?

No ano 1970 a UNESCO (ORGANIZACIÓN DAS NACIÓNS UNIDAS PARA A EDUCACIÓN, A CIENCIA E A CULTURA) iniciou o proxecto “HOME E BIOSFERA”. Como o seu propio nome indica, este proxecto céntrase en dous conceptos; por un lado, OS HOMES E AS MULLERES, e polo outro, o TERRITORIO no que estes desenvolven as súas relacións económicas e sociais: A BIOSFERA. O obxectivo que a UNESCO persegue é ter, a nivel mundial, unha mostra de territorios representativos de formas de relación entre o HOME e o TERRITORIO que sexan modelos de conciliación entre o bo uso dos recursos naturais e a súa conservación ao longo do tempo: Territorios cun desenvolvemento perdurable. Isto é o que se coñece como REDE MUNDIAL DE RESERVAS DA BIOSFERA.

As Reservas da Biosfera pretenden ser un exemplo práctico de cómo resolver unha pregunta esencial no mundo de hoxe: Cómo chegar a un equilibrio entre o desenvolvemento económico e social, o mantemento dos valores culturais propios e a conservación da diversidade biolóxica?

Como acontece moitas veces na natureza, a resposta a esa pregunta témola diante de nós, como resultado da experiencia acumulada no decorrer dos anos mediante mudanzas lentas mais seguras, é dicir, como resultado
da sabedoría popular.

O Home sabe desde hai moito tempo cómo convivir en harmonía co seu medio; o desenvolvemento non ten por qué enfrontarse co respecto á natureza.

A UNESCO quere que este territorio sirva como exemplo a outros, xa que aquí demóstrase que desenvolvemento e conservación poden ir da man.

O desenvolvemento sostible (ou mellor, perdurable) fai referencia á utilización de forma racional dos recursos naturais dun territorio, coidando de que non sexan esquilmados, para que as xeracións futuras poidan facer uso deles
tal e como levamos feito nós.

A necesidade deste desenvolvemento perdurable ven dada polo feito de que temos uns recursos naturais que poden esgotarse por causa dunha crecente actividade económica sen máis criterio que o puramente económico e que, como xa se ten demostrado, produce graves problemas ambientais que se poden tornar irreversibles tanto a nivel local como
planetario.

A función principal das reservas da biosfera consiste na conservación e protección da biodiversidade. Mais tamén perséguese o desenvolvemento económico e humano destas zonas, así como a investigación, a educación e o intercambio de información entre as diferentes reservas que forman a rede mundial.

As Reservas da Biosfera están daquela recoñecidas internacionalmente e son seleccionadas polo seu interese científico, con base nunha serie de criterios que determinan se un espazo se inclúe ou non no programa.

A Zonificación nas Reservas da Biosfera

Dentro do ámbito territorial das Reservas da Biosfera delimítanse varios tipos de zonas, en función do interese que teñan para o mantemento da Reserva; estas son:

Zonas Núcleo

As zonas núcleo da Reserva son aquelas que polas súas características teñen un maior interese ecolóxico e de onservación a longo prazo. Temos que poñer especial atención en que as actividades que se realicen nestas áreas non sexan lesivas para o medio, dado que polas súas características teñen un alto valor.

As Zonas núcleo deste Reserva son:

No concello de Allariz

  • O Briñal ou Escadas: Son 13 Has. dun tramo ben conservado da vexetación de ribeira do río Arnoia.
  • O Canelar: Ten 63 Has., na confluencia dos regatos de Fontes e do Canelar.
  • O Foxo Vello: É outra zona ás beiras dun regato, que ocupa 1 Ha.

No concello de Rairiz de Veiga:

  • As Veigas de Ponteliñares: Incluídas dentro da Rede Natura 2000, constitúen un reducto da paisaxe anterior ao desecamento da Lagoa de Antela. Ocupa unha superficie de 51 Has.
  • A Carballa da Saínza, cunha extensión de 1 Ha, acolle un exemplar de carballo con nome propio, “A carballa da Saínza” ou “da Rocha”. Declarada monumento natural.
  • O Castro de Castrelo: Con 8 Has. na que os vestixios arqueolóxicos teñen unha especial importancia.
  • O Castro de San Miguel, de 3.5 Has.: É outra área con especial interese patrimonial alén de ser un magnífico observatorio das Veigas de Ponteliñares.

No concello de Vilar de Santos:

  • O Ruxidoiro: cunha extensión de 7.7 Has., e nel concéntranse enterramentos prehistóricos e ecosistemas de bosque autóctono ben conservado constituídos por carballos centenarios.

 

Zonas Tampón

Arrodeando ou limitando estas Zonas Núcleo, sitúanse as Zonas Tampón. A súa importancia dentro da Reserva é fundamental dado que son as áreas do territorio onde se centran a maior parte das actividades humanas. Nestas zonas foméntanse as actividades, xa produtivas, xa para o lecer, que favorezan o equilibrio e o desenvolvemento dun xeito sostible no tempo.

 

Zona Exterior de Transición

Por último, o resto do territorio da Reserva é a chamada Zona Exterior de Transición. Como o seu nome indica, esta parte do territorio serve como transición entre a Reserva e os outros territorios.

 

Quen determina qué se pode e qué non se pode facer nas reservas da Biosfera?

O planeamento debe de ter como norte o establecemento dun modelo que, sen renunciar a unha auténtica modernidade, preserve os valores esenciais do territorio que aínda perduren, facilite unha explotación racional dos recursos tradicionais, poña en valor novos recursos, e todo iso como medio para acadar unha mellora da calidade de vida para o conxunto da poboación.


Texto para o PXOM de Vilar de Santos, feito por Consultora Galega, redactora dos plans de ordenación dos catro concellos da reserva.

Os únicos documentos nos cales se pormenorizan os posibles usos e aproveitamen¬tos da terra dentro da área da Reserva da Biosfera son os Planos Xerais de Ordenación Municipal de cada concello e neles débense de establecer as bases para atinxir un desenvolvemento sostible.

Para que a UNESCO designe un territorio como RESERVA, cómpre que este teña un Plan de Ordenación concibido para acadar un desenvolvemento perdurable; a UNESCO non é por tanto quen determina, como algúns pensan, o que se pode e o que non se pode facer. Esta organización analiza os documentos que integran os Plans Xerais de Ordenación Municipal e con base neles e na realidade do territorio, determina se realmente os veciños e os seus gobernantes están a facer unha aposta de FUTURO no territorio.

Os Plans Xerais de Ordenación Municipal son moito máis ca un plan urbanístico; representan unha declaración de principios, unha guía para o presente e o futuro. O Plan Xeral é o documento no que os gobernantes locais expresan cal é o seu proxecto, como conciben o futuro dos veciños e do territorio; coñecelo é un dereito e unha obriga para todos.

Na actualidade os catro concellos da Reserva prepararon a Axenda 21; un documento que recolle de forma ordenada as ideas e medidas para garantir o desenvolvemento sostible da Reserva no século XXI.