“Vive a Reserva” é un programa incluído dentro de Equal Rural, un proxecto europeo no que traballamos o GDR Limia-Arnoia e a Reserva da Biosfera de Allariz xunto coas asociacións portuguesas Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal e a Associaçao Inovterra para buscar casos de boas prácticas que axuden a mellorar a inclusión e a participación da muller dentro do sector agrícola. Este proxecto está dentro do “Citizens, Equality, Rights and Values Programme (CERV)” da Comisión Europea.
O programa tivo como protagonistas unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización durante os meses de setembro e outubro de 2023 en distintos puntos da Reserva da Biosfera. A través das súas experiencias démoslle solución aos principais problemas cos que nos atopamos hoxe en día: a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética e a adaptación e mitigación ao cambio climático.
Todas as citas que tivemos foron as seguintes:
- 24 de setembro (San Mamede de Urrós, Allariz): Domingos labregos: fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra.
- 30 de setembro (O Mosqueiro, Vilar de Santos): Medrando co pan. Obradoiro para crianzas.
- 30 de setembro (Salón Social de Rairiz de Veiga): Faladoiro “As abellas. Coidados de outono. Pasado, presente e futuro da apilcultura”.
- 7 de outubro (Mercado da Reserva, Allariz): Encontro de troco de sementes.
- 20 de outubro (Fogar dos Maiores, Allariz): Faladoiro “O papel das mulleres nos montes comunais (CMVMC), pasado, presente e futuro”.
- 22 de outubro (Museo da Limia, Vilar de Santos): Pasado, presente e futuro do liño. Actividade incluída na X Feira de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos.
- 28 de outubro (Zona verde do Polígono Empresarial de Allariz): Rabaños de lume: o papel da gandaría extensiva na loita contra os incendios.
- 28 de outubro (Edificio do Concello de A Bola): Deseño de bosques comestibles: introdución teórica e plantación de froiteiras.
O programa Equal Rural finalizou o pasado 22 de decembro coa presentación dos resultados obtidos coas diferentes actividades que se fixeron durante os 14 meses de traballo.
Comentarios recentes