A Biodiversidade
A flora da reserva
A Area da Reserva está formada por unha ampla depresión, cunha altitude media de 600 m, por onde decorre o río Limia, e rodeada dun reborde montañoso do que destaca na súa parte norte o macizo granítico de Allariz, por onde decorre encaixado o río Arnoia. É un territorio de enorme importancia bioxeográfica, xa que é fronteirizo entre dúas grandes rexións que coexisten na Península Ibérica, a Mediterránea e a Eurosiberiana. Toda a zona presenta unha paisaxe agraria tradicional, fortemente intervida polo home desde tempos remotos. Non falamos pois dun territorio salvaxe ou virxe senón, polo contrario, dunha paisaxe na que a man do home xoga un papel xa inseparable do seu futuro; é por iso, que o abandono da terra carrexa con suma rapidez o deterioro da paisaxe, xa que nela a compoñente cultural resulta tan importante como a propia natureza.
Podemos determinar tres unidades que son merecedoras de protección:
- As veigas do río Limia e as ribeiras do Arnoia e Orille; as primeiras son terreos encravados nas marxes do canal da antiga lagoa Antela (en Rairiz de Veiga e Vilar de Santos), e as segundas son as beiras dos ríos nomeados ao seu paso por Allariz e A Bola respectivamente. Nelas destaca pola súa importancia a vexetación de ribeira, desde o amieiro (Alnus glutinosa), árbore máis abondosa nestes ecosistemas, ata o bidueiro (Betula celtiberica), o salgueiro (Salix sp.) e arbustos como o sanguiño (Frangula alnus) ou o espiño albar (Crataegus monogyna). Podemos tamén atopar unha vexetación mergullada dependente dos nutrintes das augas para o seu crecemento e desenvolvemento, como ranúnculos (Ranunculus), espigas de auga (Potamogeton), ou nenúfares (Nymphaea). Máis próximas ás beiras, aparecen o carrizo, a espadana, a cana e o beón.
- As touzas, un mosaico de prados e cultivos separados por manchas arboradas, masas boscosas mixtas de carballos e “cerquiños”, cunha grande diversidade específica, e que son unidades climáticas de alto valor ecolóxico. Estes bosques de transición entre a rexión mediterránea e a eurosiberiana presentan unha maior diversidade de especies, chegando a alcanzar máis de 110 diferentes.
- As sebes, zonas arbóreas situadas entre os campos de cultivo onde aparecen exemplares de gran porte e bo estado de conservación como carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica), freixos (Fraxinus angustifolia), bidueiros (Betula celtiberica), castiñeiros (Castanea sativa), amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix sp). Estas sebes supoñen unha importante reserva natural de flora autóctona, o que se traduce nun alto valor medioambiental como elemento de conservación da diversidade de especies vexetais.
Todas estas unidades están espacial e ecolóxicamente interrelacionadas.
A fauna da reserva
Os animais da casa
Vacas e bois constituían a base da economía dos labregos, ata incluso chegar a calcular a riqueza dunha persoa pola cantidade de animais que posuía. Tiñan grande importancia polo aproveitamento que se facía deles: leite, carne, coiro, etc. ademáis do seu rendemento no traballo como animais de tiro. A raza vacúa limiá, foi recuperada recentemente pola asociación de gandeiros de Penamá e o Centro de recuperacion zooxenética de Fonte Fiz. Esta raza caracterízase pola súa grande talla, corno pequeno, patas fortes, de cor escura e moita forza.
O porco era fundamental para a mantenza do campesiño, sobre todo, no inverno. Desde que as crías son mercadas na feira ata a matanza, reciben unha serie de coidados destinados a cebalo animal. Polo San Martiño, comezan as matanzas que duran ata xaneiro ou febreiro. Na matanza, participaban tódolos veciños que axudan a matar, despezar e elaborar os diferentes produtos que se obteñen do animal. Todo se aproveita, polo que resolve a manutención dunha familia durante bastante tempo e aínda hoxe é un costume moi extendido.
Son abondosos os rabaños de ovellas e cabras dentro da Reserva, aínda na actualidade. Delas aproveitase a lá, o leite, a carne, o pelico e o esterco. Antigamente se eran moitas, ían coa “veceira”: sistema de quendas que seguen os
veciños para coidar o rabaño, levalo pastar ó monte durante uns días, ata que se fai cargo o seguinte. A raza máis común é a Ovella galega, mesturada con outras: a Fundación González Ferreiro de Allariz introduciu, hai alguns anos, a ovella Latxa do País Vasco, creándose a primeira explotación de ovellas de leite e dando lugar á fabricación do único queixo de ovella de Galicia.
Básicamente cabalos, burros e mulas eran utilizados como medio de transporte. Na Saínza, concello de Rairiz de Veiga, aínda poden verse cabalos soltos pacendo en terreos comunais.
Na actualidade, poucas casas contan con algún destes animais, aínda que hoxe son, sobre todo, empregados para deporte ou recreo.
Os animais salvaxes
A fauna salvaxe presente na Reserva da Biosfera caracterízase por acadar un alto nivel de biodiversidade debido á riqueza e variedade de hábitats que existen, así como á interacción dos distintos ecosistemas como os bosques de ribeira, as zonas encharcadas, os prados, mondos ecosistemas onde habitan e polo tanto dos modos de vida tradicionais que modelan unha paisaxe humanizada en equilibrio co medio, onde cada especie ten unha función importante e ben definida. A modificación dunhas poboacións supoñen alteracións noutras que, en xeral, son menos desexables para o home, supondo aumento de pragas, danos en cultivos.
Especial importancia ten o mantemento dos ecosistemas vencellados á rede fluvial, pois son corredores ecolóxicos que comunican diferentes zonas e evitan o illamento das pequenas poboacións.
Existen numerosas especies que son endemismos (animais propios e exclusivos desta área) e outras que están incluídas nos diferentes listados de protección. Destacamos algunhas especies que son singulares e algunhas delas en perígo de extinción:
- Mamíferos: Furón bravo, Lontra, Teixugo, Xeneta, Doniña (Mustela nivalis), Lobo, Raposo, Corzo, Xabarín e Coello (Oryctolagus cunículus).
- Aves: Cegoña, Buxato (Buteo buteo), Aguia, Azor, Falcón, Avefría, Bilurico, Mazarico real, Sisón (Tetrax tetrax), Martiño peixeiro (Alcedo atthis), Merlo rieiro (Cinclus cinclus), Garza e Perdiz (Alectoris rufa).
- Réptiles: Lagarto verdinegro, Lagarto ocelado, Lagartiña, Sapoconcho galego-galápago europeo (Emys orbicularis), Víbora galega, Cobra de colar (natrix natrix), Cobra de escaleira (Elaphe scalaris) e Cobra bastarda (Malpolou mospessulanus).
- Anfibios: Ra común, Ra patilonga, Ra de San Antón, Sapo común, Sapo corredor, Tritón ou Pinta¬fontes, Saramaganta, Saramaganta rabuda.
- Insectos: Vacaloura, Bolboreta pavo real.
- Molusco bivalvo: Mexilón de río (Margaritifera margaritifera).