A Reserva da Biosfera Área de Allariz está comprometida con apoiar a sustentabilidade do turismo. Por iso, levou a cabo accións nos concellos de Allariz e Vilar de Santos co obxectivo de mellorar o patrimonio e paisaxe destes lugares.
Durante estes dous últimos anos traballouse na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, mellorando a gobernanza na Reserva e apoiando a sostibilidade do turismo, o que incúe a mellora do patrimonio cultural e da paisaxe.
Estas tarefas forman parte dos eixos contemplados nas bases reguladoras das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – fondos da Unión Europea NextGenerationEu – para os anos 2022 e 2023.
Traballos de restauración e mantemento
Por turismo sostible enténdese aquel que ten en conta as repercusións actuais e futuras, económicas, sociais e medioambientais para satisfacer as necesidades dos visitantes, da industria, do entorno e das comunidades, segundo a ONU.
Foi por iso polo que no Concello de Vilar de Santos se decidiu mellorar o punto de atención ao visitante e recuperar elementos de interese patrimonial. Neste concello, melloráronse elementos do parque; restauráronse e puxéronse en marcha fornos, tendo en conta a súa estrutura exterior e interior, a limpeza de fachada e a reposición de elementos orixinais e tamén se acondicionaron fontes-lavadoiros, onde a actuación foi máis ampla ao atoparse estas expostas ás inclemencias meteorolóxicas (eliminación do sustrato vexetal, nivelación das terras, retirada de canos de PVC, deseño e creación de área de descanso…).
Tamén houbo traballos de mantemento no Concello de Allariz. Primeiramente, interviuse no paseo da Alameda e Camiño do Arnado, dous espazos de uso público, de lecer e paseo no entorno do río Arnoia. Concretamente, fixéronse actuacións dende a Ponte Románica ata a N-525. Nesta zona cambiouse o pavimento por unha proposta máis natural e estable e mellorouse o muro de pedra da Alameda no seu tramo paralelo á estrada e o muro de mampostería ordinaria de pedra caliza a unha cara vista, cimentouse. Na divisoria entre a Alameda e o muro delimitador da estrada colocáronse asentos de pedra e recolocouse á man o muro.
Segundamente, actuouse na mellora paisaxística do entorno do Monte Castelo co obxectivo de manter a estrutura da masa forestal e habilitar medidas de protección das persoas. Polo tanto, rozouse manualmente toda a superficie, priorizando as zonas de paso e o mirador. Podáronse as especies arbóreas principais e limpáronse os muros e paredes de pedra. Ademais, para evitar riscos de caída na zona leste, colocouse un valado de 35 metros en postes de pedra e madeira.
Novo espazo de xogo con elementos naturais no Monte O Xardín
Dende a Reserva da Biosfera quixemos incorporar o Monte O Xardín ao uso e desfrute da poboación, sen que perda a súa identidade e deste xeito conservar e valorizar o noso patrimonio cultural e natural.
Con isto preténdese avanzar na mellora dos espazos adquiridos polo concello e completar o espazo de ocio e recreo de Allariz entorno á trama urbana de expansión e dotalos de medios e mecanismos necesarios para convertelos en espazos útiles, para poder ser aproveitados pola sociedade alariana como feito educativo, de esparcemento e de xogo para todas as idades.
Nesta zona fixéronse ramplas de comunicación e de acceso, instalación de chanzos e escalinatas; instalación de dúas mesas de descanso en madeira tratada, dúas mesas de troncos de carballo para xogos e tres casetas tipo TIPI e movementos de terra en forma de talude para a instalación de elementos de xogo.
Fondos NextGenerationEu: Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
O programa NextGenerationEu púxose en marcha no 2020 por parte do Consello Europeo e, un dos seus instrumentos principais, o Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR), aprobado en España como Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, ten como obxectivo responder de maneira conxunta e coordinada a unha das peores crises sociais e económicas da nosa historia e contribuír a reparar os danos xerados pola pandemia. Con estes fondos, a Europa posterior á COVID-19 debe ser máis ecolóxica, dixital e máis resiliente aos cambios e retos do futuro.
Por iso, as actividades realizadas por parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz cumpren co principio DNSH (Do No Significant Harm que traducido é “non causar dano significativo”), crucial para garantir que os fondos NexGenerationEu se empreguen de forma sostible e responsable. Neste caso, mitigouse o cambio climático, protexeuse e restaurouse a biodiversidade e os ecosistemas, previuse e controlouse a contaminación e favoreceuse á economía circular.
Comentarios recentes