+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

A Reserva da Biosfera Área de Allariz levou a cabo unha actuación nos concellos de Allariz e A Bola para mellorar o ecosistema fluvial dos ríos Arnoia e Ourille, pertencentes a cada un dos concellos respectivamente.

Durante estes dous últimos anos traballouse na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, mellorando a gobernanza na Reserva e apoiando a sostibilidade do turismo, o que incúe a mellora do patrimonio cultural e da paisaxe.

Estas tarefas forman parte dos eixos contemplados nas bases reguladoras das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – fondos da Unión Europea NextGenerationEu – para os anos 2022 e 2023.

Eliminación de madeira morta dos ríos e plantación de novas especies

No noso territorio destacan os ríos Arnoia e Ourille. O primeiro pola súa lonxitude e caudal, que cruza de leste a oeste o concello de Allariz e, o segundo, polo seu tramo inicial de alto valor natural e de diversidade biolóxica inmensa. Este atópase no límite do concello de A Bola cos limítrofes de Celanova e Verea, no oeste da Reserva.

En ambos ríos fixéronse actuacións nas zonas de servidume co obxectivo de eliminar a excesiva carga de madeira morta, amieiros enfermos e plantación de especies de ribeira como amieiros, bidueiros e freixos.

O río Arnoia ten un caudal variable e o río Ourille presenta fortes pendentes de terreo, polo que están influídos pola torrencialidade estacional que xera arrastres do material que está depositado nas beiras, restos de vexetais en gran medida. Este material ocasiona problemas de fluxo hidráulico, formando tapóns e remuíños, que non só causan danos nas infraestruturas, senón que tamén erosionan o leito e as beiras do río.

Por iso, na zona de Servidume da canle de ambos ríos retirouse o material vexetal morto depositado nesta zona, 5 metros a cada marxe até un máximo de 10 metros dende o borde da zona de máximo caudal ou, en todo caso, dende o borde da canle. No caso do río Arnoia, isto fíxose na totalidade do tramo que percorre o concello de Allariz, un total de 12,59 Ha e no caso do río Ourille dende o camiño dende a capela da Peregrina e ao longo de toda a ribeira ata o linde co concello de Vera, un total de 0,39Ha.

Problemas fitosanitarios

Ao río Arnoia tamén lle afecta a falla de control fitosanitario das masas ripícolas, principalmente do amieiro. Unha das consecuencias, aínda que non é a única, é a propagación do fungo Phytophthora aini, causante da morte e posterior caída de moitos exemplares do río.

Por iso, revisáronse os pés mortos no tramo urbano e seleccionáronse 130 para ser retirados da ribeira do río. A superficie sobre a que se actuou é de 1,99 Ha.

Nesta mesma zona plantáronse 120 árbores frondosas (amieiro, bidueiro e freixo) sempre previndo as posibles complicacións que poda ter o amieiro debido ao fungo.

Fondos NextGenerationEu: Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O programa NextGenerationEu púxose en marcha no 2020 por parte do Consello Europeo e, un dos seus instrumentos principais, o Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR), aprobado en España como Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, ten como obxectivo responder de maneira conxunta e coordinada a unha das peores crises sociais e económicas da nosa historia e contribuír a reparar os danos xerados pola pandemia. Con estes fondos, a Europa posterior á COVID-19 debe ser máis ecolóxica, dixital e máis resiliente aos cambios e retos do futuro.

Por iso, as actividades realizadas por parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz cumpren co principio DNSH (Do No Significant Harm que traducido é “non causar dano significativo”), crucial para garantir que os fondos NexGenerationEu se empreguen de forma sostible e responsable. Neste caso, mitigouse o cambio climático, protexeuse e restaurouse a biodiversidade e os ecosistemas e previuse e controlouse a contaminación.