+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

Para mellorar a biodiversidade animal da nosa Reserva, estívose traballando en dúas accións diferentes: por un lado, levouse a cabo o control do visón americano nas augas superficiais dos ríos Arnoia, Ourille e Limia ao seu paso polo noso territorio e, por outro lado, promoveuse a presenza de polinizadores no entorno do río Arnoia e do aniñamento de paxaros no entorno do mesmo río e en Penamá.

Durante estes dous últimos anos traballouse na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, mellorando a gobernanza na Reserva e apoiando a sostibilidade do turismo, o que incúe a mellora do patrimonio cultural e da paisaxe.

Estas tarefas forman parte dos eixos contemplados nas bases reguladoras das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – fondos da Unión Europea NextGenerationEu – para os anos 2022 e 2023.

Control de especies invasoras: o visón americano

O visón americano (Neovison vison) é unha especie alóctona no noso territorio. Esta especie foi introducida en Europa a raíz da industria peleteira do ano 1920 e dende aí iniciou a súa expansión nos hábitats ligados aos ríos, principalmente. Ao ser unha especie invasora, afecta negativamente ao ecosistema, sobre todo a outras especies de mamíferos carnívoros coma o turón ou o armiño.

Logo de valorar a súa presenza, comezouse na captura dos exemplares co trampeo. As trampas flotantes son o método máis efectivo para a detección e captura deste animal. Están formadas por tres partes: a base, o túnel e o “marcadeiro” no que se detecta a presenza do visón mediante as súas pegadas. Ao mesmo tempo, cada unha das estacións de trampeo está monotorizada cunha cámara de fototrampeo.

Nesta fase, instálase unha gaiola no interior do túnel. Non se emprega cebo, polo que é unha metodoloxía moi efectiva para a captura de visóns americanos antes que calquera outro carnívoro autóctono. Durante o proceso respectouse o benestar animal e os exemplares capturados trasladáronse ao Centro de Recuperación e Fauna do Rodicio.

As accións levadas a cabo nos ríos Arnoia, Limia e Ourille serviron para contar cunha estimación real da presenza do visón americano na Reserva, para erradicalo ou reducir a súa poboación e así poder contribuír á mellora da biodiversidade da Reserva.

Mellora das poboacións de especies polinizadoras e aves

A Reserva da Biosfera Área de Allariz púxose a traballar no fomento de prácticas agrícolas, favorecedoras para os insectos polinizadores, para axudar á diversidade de hábitats e de sistemas produtivos e aumentar a dispoñibilidade de recursos florais e zonas de refuxio e reprodución.
Para iso elixiuse unha parcela rústica na zona de Vilaboa onde existe dita actividade agrícola. Esta parcela dotouse dunha estrutura deseñada para dar aloxamento, sobre todo na época invernal, a diferentes insectos e especies. Neste senso, tamén se axuda na tarefa de polinización. Ademais, no entorno da mesma, plantáronse árbores froiteiras autóctonas para ampliar a época de floración e producir alimento a estes insectos.

Nesta zona, en total, construíronse e colocáronse 2 hoteis para especies polinizadoras e 3 hoteis para a observación, que servirán para instruír sobre a importancia das especies polinizadoras e o seu ciclo vital.

O mesmo ocurriu no Ecoespazo O Rexo. Neste lugar distribuíronse 1 hotel para especies polinizadoras e 2 hoteis para a observación. Plantáronse tamén especies arbustivas e herbáceas.

Ademais destas accións coas especies polinizadoras, tamén se levou a cabo a instalación de caixas niño para aves para aumentar as posibilidades de aniñamento, realizar un control natural de pragas como a procesionaria, contribuír á educación ambiental e á mellora da biodiversidade da zona.

No Monte Comunal de Panamá colocáronse un total de 30 caixas para Ferreiriño real e Ferreiriño azul. Na zona de O Rexo instaláronse 3 e na zona de Vilaboa e ribeira do Arnoia 13 caixas.

Fondos NextGenerationEu: Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia

O programa NextGenerationEu púxose en marcha no 2020 por parte do Consello Europeo e, un dos seus instrumentos principais, o Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR), aprobado en España como Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, ten como obxectivo responder de maneira conxunta e coordinada a unha das peores crises sociais e económicas da nosa historia e contribuír a reparar os danos xerados pola pandemia. Con estes fondos, a Europa posterior á COVID-19 debe ser máis ecolóxica, dixital e máis resiliente aos cambios e retos do futuro.

Por iso, as actividades realizadas por parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz cumpren co principio DNSH (Do No Significant Harm que traducido é “non causar dano significativo”), crucial para garantir que os fondos NexGenerationEu se empreguen de forma sostible e responsable. Neste caso, mitigouse o cambio climático, protexeuse e restaurouse a biodiversidade e os ecosistemas e previuse e controlouse a contaminación.