Núcleos de Sostibilidade
A preocupación mundial polo desenvolvemento sostible.
Xa no ano 1972, a Conferencia das Nacións Unidas reunida en Estocolmo falou por primeira vez da necesidade de advertir ao mundo dos perigos do desenvolvemento sen control. Quince anos máis tarde, no 1987, a Comisión Mundial para o Desenvolvemento e o Medio Ambiente publicou un relatorio titulado “O noso futuro común”; neste informe empregousepor primeira vezotermo “desenvolvemento sostible”.
No entanto, aínda tiveron que pasar vinte longos anos para que no chamado Cumio da Terra celebrado en Brasil en 1992, se conseguise un amplo acordo intergobernamental que se había plasmar na concreción de cinco documentos:
- Declaración de Río sobre Medio e Desenvolvemento.
- Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático
- Convenio sobre a Diversidade Biolóxica.
- Axenda 21.
- Principios sobre o manexo, a conservación e o desenvolvemento sostible dos bosques.
Neste informe defínese o desenvolvemento sostible como aquela forma de desenvolvemento que satisface as necesidades do presente sen comprometer as do futuro e nel destacan tres conceptos fundamentais:
- O recoñecemento de que xa non se pode tomar decisións sobre política económica sen ter en conta as repercusións ambientais.
- A importancia de non pensar só en crear riqueza, senón tamén en que o seu reparto sexa equitativo.
- E por último a máis novidosa de todas, “recoñecer os dereitos das xera¬cións futuras”.
En resumo: O desenvolvemento sostible debe ser entendido como un crecemento económico que promova o progreso e o equilibrio social e que, ao mesmo tempo, faga un uso racional dos recursos sen producir deterioro no medio ambiente e sen hipotecar o futuro.
Baixo esta idea nacen en Galicia, impulsa¬os pola Xunta de Galicia.
OS NÚCLEOS DE SOSTIBILIDADE
O obxectivo deste proxecto, a desenvolver inicialmente como experiencia piloto, é posibilitar a integración, a nivel local, de todalas accións susceptibles de ser promovidas ou respaldadas polas administracións municipal e autonómica que garden relación directa coa consecución dun desenvolvemento local sostible, coordinándoas en aplicación dos diversos instrumentos que se poden implementar (Avaliación estratéxica da sostibilidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal, Axendas 21 local e escolar, educación ambiental, instrumentos de sostibilidade empresarial, de gobernanza municipal, etc). Para iso elabóraranse, de forma simultánea e harmonizada, todas estas ferramentas de planificación da sostibilidade, co fin de deseñar un “Plan Integrado de Sostibilidade Local”, vertebrando actuacións que serán consideradas de carácter prioritario, non só pola Administración local senón tamén polas de orde superior, e que por tanto, recibirán o apoio preferente destas para a súa execución posterior.
O plan integrado de sostibilidade local será pois o instrumento básico de decisión nas actividades de goberno do concello, onde se sentarán as bases dun proxecto a longo prazo, definindo liñas de acción específicas que coordinen os recursos e esforzos provenientes das distintas Administracións públicas e das diversas áreas de goberno municipal para satisfacer todalas necesidades comúns, estructurais ou innovadoras. Para adaptar as súas propostas aos cambios e movementos no tempo, de acordo coas condicións políticas, económicas, sociais e tecnolóxicas de desenvolvemento, conterá indicadores de seguimento sobre os resultados, sempre contando coa participa¬ción dos axentes sociais e económicos. Os municipios ou entidades locais nos que se leve a cabo esta acción recibirán a denominación de “Núcleos de sostibilidade”.
Con data de 17 de setembro de 2006, reuniuse en Santiago de Compostela a Comisión Mixta da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Federación Galega de Municipios que, tras un estudo das solicitudes presentadas ao Anuncio publicado no DOGA, no mes de abril de 2006 polo que se lle deu publicidade ao proxecto de implantación de núcleos de sostibilidade, decidiu por unanimidade a selección de sete “Núcleos de sostibilidade” entre eles a Reserva da Biosfera “Área de Allariz”, que comprende os concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos, representados pola Asociación para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural da Reserva da Biosfera “Area de Allariz”.
Coidar a reserva é responsabilidade de todos
O bo uso da terra practicado durante séculos, e que favoreceu enormemente a conservación medioambiental, constitúe un dos máis importantes valores da Reserva. Os nosos pais e avós coidaron de non malgastar o que a natureza lles ofrecía, usando tan só aquelo que necesitaban e evitando desperdiciar nada.
Polo tanto hoxe, todos os que vivimos nela, debemos ser coidadosos cos cambios nos xeitos de traballar e de aproveitar o noso territorio, procurando non estragar o acadado ata agora.
Algunhas medidas e bos costumes para o Aforro de Enerxía
- Facer a construción ou rehabilitación de vivendas pensando no aforro enerxético: aproveitar a calor do sol para quentar a casa mediante unha boa orientación das ventás cara o Sur ou utilizar un bo illamento das paredes e ventás.
- Facer uso das enerxías renovables nos edificios: os paneis solares son unha boa alternativa para abastecer o fogar de auga quente ou calefacción.
- Aproveitar a leña para quentar a casa, axudando a manter os bosques limpos, e evitando o consumo de combustibles fósiles como o petróleo ou carbón.
- Utilizar lámpadas e electrodomésticos de baixo consumo, ¿Sabías que unha lámpada de aforro de 15 W alumea tanto como unha normal de 40 W, e dura 10 veces máis?.
- Apagar a televisión se non se está a ver, non deixar as luces acesas sen necesidade ou man¬ter a calefacción a unha temperatura axeitada.
- Evitar usar pilas e, no caso de facelo, empregar pilas recargables, ou mercar un cargador solar. Cando as pilas se esgoten, deposítaas nos contedores axeitados.
- Empregar o transporte público para chegar á escola ou ó traballo. Camiñar ou empregar a bicicleta nos desprazamentos curtos.
A auga é un ben, cada vez máis escaso, que debemos coidar como un tesouro. Algúns consellos que debemos ter en conta son:
- Ducharse en vez de bañarse, aforra auga.
- Instalar sistemas de aforro de auga na cisterna, billas, etc. Introducir unha botella chea de area dentro da cisterna para aforrar 1 litro de auga cada vez que se tira da cadea.¿Cantos litros de auga podes aforrar deste xeito ó ano na túa casa?
- En canto ao uso da auga no xardín, no agro ou na granxa, hai que procurar:
- Reducir ó mínimo a produción de augas sucias.
- Revisar as canalizacións e conducións de auga para evitar fugas.
- Regar nas horas de baixa insolación e só o necesario.
- Instalar sistemas de recuperación e depuración das augas de lavado do gando para evitar a contaminación do entorno.
- Empregar bebedoiros automáticos que non desperdicien a auga.
- Ter especial coidado no uso de abonos mi¬nerais, especialmente os nitroxenados, xa que contaminan os ríos e as fontes.
¿Qué facer cos residuos?
- Lémbrate da regra dos 3 erres: reduce, reutiliza e recicla, así colaborarás na recollida selectiva. Pero, sobre todo, REDUCE a cantidade de lixo que produces. ¿Sabías que cada galeg@ produce ó redor de 1 quilo de lixo ó día?. Calcula os quilos producidos ó longo dun mes, ¿e dun ano?
- Os residuos orgánicos, os restos de comida, ¿quen os vai a aproveitar mellor co porco ou o can? Tamén se poden usar como abono para a horta ou o xardín.
- Nas vivendas con lareiras, o papel pode usarse para acendelo lume, como se fixo toda a vida.
- Aproveitar o papel polas dúas caras e usar papel reciclado. Aforrarás auga,enerxía e contribuirás á conservación dos nosos bosques.
- Os envases domésticos podemos separalos para cadanseu colector.
- No colector amarelo: os plásticos, briks e envases metálicos.
- No azul: cartón e papel.
- No iglú verde: o vidro.
- Cando merques escolle preferentemente produtos reutilizables, reciclables ou biodegradables.
- Nunca tirar aceite e graxas ó solo, nin a cursos de auga, fosas sépticas ou á rede de sumidoiros.
- Non tirar escombros en vertedoiros non autorizados.
- Se utilizas produtos fitosanitarios é importante obter o carné de aplicador destes pro¬dutos e levar os envases aos puntos axeitados de recollida.
Conservar o solo e o entorno natural
- Restrinxir o uso do lume ó minimo: O lume pode destruír zonas que tardarán moitos anos en rexenerarse, non fagas queimas sen permiso; por moi pequeno que penses que será o lume, e aínda que teñas permiso, non acendas se se levanta o vento.
- Reducir as superficies de solo sen vexetación para evitar a súa perda pola erosión. Procura utilizar sementes ou esqueixes de plantas de horta do sitio no que vives, están mellor adaptadas ó clima da zona e resisten mellor as pragas.
- Intercalar plantas aromáticas que fagan de insecticidas naturais.
- Recuperar os solos esgotados aportando materia orgánica (por exemplo, esterco).
- O bo mantemento das presas e outras canalizacións da auga da chuvia evitan a erosión do solo e os danos polas trombas de auga.
- Protexe o bosque das marxes dos ríos xa que manteñen o cauce no seu sitio.
- Utiliza barreiras de vexetación ou sebes para separar as fincas xa que conservan a humidade e crean abrigo protexendo dos ventos.
- Realiza un bo uso dos estercos e xurros tendo en conta o seguinte:
- Realiza aplicacións directas dos xurros evitando a pulverización.
- Revisa que as fosas non teñan filtracións ó terreo.
- A súa capacidade debe ser suficiente para acoller o volume xerado no inverno.
- Aplica os xurros en épocas nas que non chova en esceso para evitar o seu lavado e a contaminación de ríos e fontes.
- Deixa unha franxa sen abonar de 10 a 15 metros respecto dos ríos e de 5 metros respecto doutras fincas e casas.
- Deixa sen abonar de 35 a 50 metros de distancia ás fontes ou pozos.
- Sitúa as pilas de esterco fóra de zonas por onde escorra a auga.
Sobre todo o máis importante é aplicar o sentido común. A día de hoxe a inmensa maioría dos veciños e veciñas sabemos o que debemos facer, pero o importante é facelo.
Se xa o fas, grazas por axudarnos a coidar a Reserva.