+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

Equal Rural é un proxecto europeo no que traballamos o GDR Limia-Arnoia, a Reserva da Biosfera de Allariz xunto coas asociacións portuguesas Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal e a Associaçao Inovterra para buscar casos de boas prácticas que axuden a mellorar a inclusión e a participación da muller dentro do sector agrícola. Este proxecto está dentro do “Citizens, Equality, Rights and Values Programme (CERV)” da Comisión Europea.

Dentro do marco deste proxecto, organizáronse os “Venres en feminino”, uns encontros dixitais que responde ao obxectivo de buscar referencias positivas que lles axuden ás mulleres do agro e promover o seu desenvolvemento persoal, social e profesional.

Esta actividade tivo unha gran participación e fixéronse un total de 24 sesións dende os distintos países participantes no programa e nos que se deron a coñecer distintos casos de éxito. As xornadas arrincaron o 24 de marzo de 2023 e tiñan unha duración dunha hora.

Por elas pasaron mulleres con diferentes profesións que achegaron distintos puntos de vista ás persoas participantes.

  • O primeiro venres asistiron Inés López da Asociación A Estruga cun obradoiro de cociña KM0 e Mercedes Veites de Lumecú falando das fortalezas e dificultades dun proxecto feminino rural.
  • O segundo venres, día 14 de abril, estivemos con Isabel Vilalba Seivane do Sindicato Labrego Galego aportando información sobre os dereitos profesionais das labregas e acceso á titularidade e con Uxía de Buciños Novoa co proxecto feminino agroecolóxico Tralaleira.
  • O terceiro encontro foi o venres 21 de abril con Mar Pérez Fra, profesora da Escola Politécnica de Lugo, para falarnos da realidade actual das mulleres do rural.
  • O último día de “Venres en feminino” tivo lugar o 28 de abril onde falamos con Eva González do GDR Limia-Arnoia sobre o desenvolvemento rural e a innovación feminina, con Olga Rivas da Fundación Roberto Rivas sobre o emprendemento social en contornas rurais para xerar oportunidades que mitiguen a despoboación e con Inma Soto, educadora ambiental, para coñecer e poñer en valor para conservar o territorio dende a infancia.

O programa Equal Rural finalizou o pasado 22 de decembro coa presentación dos resultados obtidos coas diferentes actividades que se fixeron durante os 14 meses de traballo.