O Territorio
Historia do Territorio
Ao longo dos tempos, os habitantes destas terras foron tecendo unha historia común, formando parte dun mesmo territorio e mantendo entre si estreitas relacións. Non podemos esquecer que ata ben avanzada a Idade Media, Allariz, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola e mesmo Celanova, formaban parte dunha mesma entidade territorial que os historiadores dan en chamar A LIMIA e da que Allariz foi a vila máis importante.
Cómpre salientar que o que hoxe coñecemos como límites entre os diferentes termos municipais non existiron ata mediados do século XIX, pois os concellos como institucións locais ou as provincias como divisións territoriais non foron creados ata o 1833.
Do século IV Antes de Cristo ata o V Despois de Cristo
Os núcleos que hoxe denominamos CASTROS son os primeiros asentamentos coñecidos utilizados polas persoas para se agruparen; alí viven ata a chegada dos romanos que reordenan a poboación creando as primeiras VILLAE. Nestas, a agricultura consolídase como a actividade económica principal, pois os romanos aproveitan a fertilidade do terreo espallando o cultivo de cereais como o trigo e o centeo. Contribuíron asemade á expansión do castiñeiro e do carballo, árbore que cos séculos chegará a ser símbolo da Galiza.
Os romanos construíron as calzadas ou VIAS; a máis importante neste territorio, a Vía XVIII, unía Braga con Astorga, dous centros do poder galaico naquela altura. Desta vía saían outras secundarias; aínda que hoxe sexa difícil recoñecer o seu trazado, no debuxo apúntase unha das moitas posibilidades.
O dominio romano termina cando se instalan os suevos no noso territorio, despois de estes asinaren un acordo de paz cos romanos que lles permite facerse coas terras e o poder como novos amos do país.
Do século VI ata o XV
Séculos máis tarde,coa chegada da evanxelización, a organización do territorio é artellada nos concilios e neles créase a figura da PARROQUIA, que aínda hoxe empregamos. Desta época son as vilas (herdeiras das “villae” romanas), os vilares e vilariños, nomes cos que se designaban as porcións de terra que os reis brindaban aos señores para que nelas exercesen o seu poder tornándoas explotacións agrarias, e que deron lugar ás actuais aldeas e poboacións.
Igrexa e nobreza reparten o territorio e exercen o poder político e económico sobre a numerosa poboación labrega: O Mosteiro de Celanova desempeña un papel fundamental como propietario da terra e centro de irradiación cultural, impulsando a agricultura e a reoboación desde pequenos cenobios que del dependen, como o de San Munio, Santo André, San Trocado, San Martiño ou Amiadoso.
É designada entón Vila Real, sendo residencia de reis e nobres nunha época de esplendor e apoxeo cultural, da que tamén formou parte a colonia xudía, xerme de artesáns e de oficios como curtidores ou teceláns. Porén, os excesos de poder de certos nobres dan lugar no século XV ás Revoltas Irmandiñas encabezadas por artesáns, homes libres da vila e pequenos propietarios de terras que, xunto cunha maioría labrega, rebélanse en contra do poder detentado pola vella nobreza e parte do clero.
Do século XVI ao século XIX
Como consecuencia das loitas de poder pola posesión do territorio, van xurdindo límites, xurisdicións e señoríos, intensificándose o carácter da zona como fronteira e de encrucillada de camiños e conformándose un sistema feudal que se mantivo desde a Idade Media e durante o Antigo Réxime ata a súa abolición no século XIX.
A súa célula básica foi a XURISDICIÓN, un territorio de límites precisos, sometido ao poder dun señor, laico ou eclesiástico. Este poder incluía a administración de xustiza, o recrutamento ou a capacidade normativa que regulamentaba aspectos da vida cotiá, como pesos e medidas, salubridade, moral, etc. A propiedade da terra en mans duns poucos e o ríxido control económico que estes exercían desde PAZOS e “Casas Grandes” a través de foros e arrendamentos, fai que a meirande parte dos labregos estean ferreamente sometidos ao seu señor, aínda que tamén comezan xa a aparecer pequenos propietarios que non dependen de ninguén, normalmente con algún oficio artesán.
Chegan desde América, a partir do século XVIII, novos cultivos como o millo e a pataca, que favorecen o desenvolvemento da agricultura e o espectacular crecemento da poboación. As FEIRAS medran e consolídanse,constituíndo a base do comercio naquela altura. Mais, infelizmente, este desenvolvemento agrario non foi acompañado pola zación dos oficios artesanais, como no resto de Europa, pois a burguesía galega non foi quen de promover un proceso de industrialización e a partir do século XIX comeza o fenómeno da emigración que ha influír decisivamente na demografía do territorio e no seu desenvolvemento posterior.
Desde 1836, o territorio queda configurado como o coñecemos hoxe en día, dividido en provincias; nese ano nacen como administracións locais os Concellos de Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos e A Bola. Esta nova organización foi inspirada polos ideais da Ilustración e a Revolución francesa aínda que non foi o único cambio na época, xa que comeza entón un período longo coñecido como DESAMORTIZACION, iniciado polo Estado, a través do cal se subastan públicamente terras e bens non produtivos en poder da Igrexa e dos nobres coa finalidade de favorecer a creación dunha clase media de pequenos propietarios. Neste territorio afecta especialmente aos mosteiros de Celanova e ao convento de Santa Clara en Allariz, así como a Trandeiras e Oseira, con grande poder sobre esta área. O proceso non finaliza en Galicia ata ben entrado o século XX, cando grazas a presións e mobilizacións das organizacións agrarias en contra do sistema foral e do caciquismo, a propiedade da terra pasa definitivamente a mans dos labregos. Este movemento popular e labrego é coñecido como AGRARISMO.
O século XX ata a actualidade
As primeiras décadas do século XX foron duras pois o agro estaba sumido nunha profunda crise e moitos optaron por emigrar, e non deixaron de facelo ata finais do século. Primeiro a América e logo a países máis desenvolvidos da Europa ou cidades grandes en áreas como Euskadi ou Cataluña. Isto deu lugar a unha despoboación gradual pero continua dos núcleos rurais que chega ata hoxe.
En 1931 os habitantes saúdan a chegada da II República coa esperanza de que consiga mellorar a súa situación; realízase un esforzo importante para incentivar a educación e a cultura entre a poboación, especialmente a través da creación de escolas e bibliotecas. Asemade, xurde con forza o nacionalismo. En Galicia apróbase o Estatuto de Autonomía no 1936 pero non se chega a aplicar pois o estourido da Guerra, acaba por paralizar o proceso.
O Golpe de estado encabezado polo Xeneral Franco deu lugar a esta sangrenta Guerra Civil desde 1936 a 1939. Os anos de Posguerra e a dictadura franquista, imposta desde a finalización da contenda, non fan máis que prolongar a situación de escasez e atraso. Impóñense as cartillas de racionamento e nace o “estraperlo”.
O ano 1942 foi especialmente desgraciado, sendo coñecido como “ano da fame” e recordado aínda hoxe con profunda dor na Limia, pola perda das colleitas de cereal a causa da sequía e consecuente carestía do pan, alimento básico para a subsistencia. O mercado negro garantiu nestes anos un abastecemento de produtos, permitindo o enriquecemento de determinados individuos, e por outro lado a supervivencia de moita xente.
Porén, en Allariz pequenas industrias familiares como os curtidos ou os muíños fariñeiros, viven momentos de prosperidade ata a década dos 60, cando o Exército deixa de comprar aquí, debido á escasa competitividade dunha industria que non conseguiu modernizar as instalacións, así como a chegada de produto manufacturado e materia prima de fóra que conduce á decadencia e peche dos negocios.
Neste mesmo momento, o Goberno Franquista decide a desecación da lagoa de Antela dentro dos chamados “Planes de Desarrollo” que lonxe de mellorar a situación, acaban cun dos lugares de máis alto valor ecolóxico de Galicia.
A partir destes anos non toda a área da Reserva tomará o mesmo camiño, pois mentres a vila de Allariz parece durmir un profundo sono que mantén intacto o seu valioso patrimonio arquitectónico durante décadas, e grazas ao cal experimentará nos anos 90 un vigoroso renacemento, os concellos da comarca da Limia comezan unha andadura cara á mellora das súas explotacións agrarias, valéndose dos cartos que envían os emigrantes. Son tempos nos que a proliferación do cultivo da pataca proporciona importantes ingresos aos agricultores, o que leva anos máis tarde á realización da Concentración Parcelaria.
Aínda sabendo que este proceso requeriría dunha análise máis profunda, e sin negar os desastrosos efectos do monocultivo da pataca sobre a paisaxe e o futuro agrario da zona, non podemos deixar de recoñecer que nestas décadas a poboación destes concellos puido, por primeira vez na historia, mellorar o seu nivel de vida e aumentar as súas rendas.
A vida hoxe na Reserva
A poboación da Área de Allariz distribúese principalmente en núcleos dispersos. A reserva conta cun total de 32 parroquias que espallan a poboación e, ao mesmo tempo, achégana á terra que traballan ou traballaban.
A maior parte da poboación vive nas chamadas Áreas de Transición, e tan só un 29% está dentro das Zonas Tampón. Para un axeitado equilibrio medioambiental é moi importante seguir sendo quen de manter estes niveis de poboación en cada área.
Nos últimos anos apréciase un importante crecemento do número de vivendas, aínda que por desgraza o número de antigas edificacións que foron abandonadas segue a ser unha ameaza. Para evitalo, nos concellos da Reserva estáse a facer unha aposta decidida pola recuperación do patrimonio que se concreta na recuperación de antigos edificios para usos públicos. Este esforzo dos concellos está a ser recompensado polos veciños que, seguindo o seu exemplo, recuperan de maneira individual as vivendas familiares que herdan. Sen dúbida, tamén é importante o número de forasteiros que, atraídos pola sona deste territorio, comezan a comprar e a rehabilitar.
Nalgunhas parroquias, esa tendencia comeza a ser moi evidente; é o caso da vila de Allariz ou Requeixo de Valverde, aínda que tamén son de destacar Soutomel, Vilar de Santos, Parada de Outeiro ou Ordes onde, se ben o aumento da poboación non é significativo, si existe unha ruptura da tendencia na regresión demográfica.
A idade media da poboación sitúase nos 50 anos. O envellecemento e a baixa natalidade son algúns dos problemas para manter un desenvolvemento sostible xa que tan só o 58% da poboación está en idade de traballar. A solución a este problema pode vir dada polos movementos de poboación desde outros territorios, ben sexa de persoas do territorio que retornan da emigración ou persoas de fóra que, atraídas polos proxectos que aquí se están a pór en marcha, decidan elixilo como fogar. Este factor comeza a reflectirse no aumento da porcentaxe de poboación residente na área pero que non naceu na mesma.
A maior parte da poboación ocupada pertence ó sector servizos, non obstante a agricultura é o sector que maior importancia ten no mantemento do medio, sendo a actividade que abarca a maior parte do territorio e contribuíndo a manter o equilibrio medioambiental existente. Ó longo da historia, unha das principais características que define á sociedade que se asenta neste territorio é a de fundamentar a actividade económica na agricultura, e en menor medida na gandeira. Aínda que actualmente ten aumentado substancialmente a poboación adicada ós sectores secundario e terciario, a relación coa actividade agropecuaria segue a ser moi forte.
Na década de 1970 iniciouse a modificación dos sistemas de cultivos que veu dada polos procesos de concentración parcelaria que afectaron á comarca da Limia, incluída en parte dentro da Reserva. A partir deste momento, a agricultura comeza a fundamentarse no cultivo da pataca e, en menor medida, dos cereais de inverno, nun sistema de rotación entre os dous cultivos.
Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e a parroquia de Coedo en Allariz pertencen a unha das zonas máis produtivas de Galicia no referido á agricultura. A extensión do cultivo da pataca supuxo unha revolución no desenvolvemento do sector agrícola na zona. De feito, ata existe unha denominación de orixe que certifica a calidade do produto. O inconveniente principal deste sistema baseado no bicultivo extensivo de pataca e cereal é a forte dependencia da eco¬nomía dos agricultores dos prezos dun mercado pouco estable. Por iso, cada día son máis os que reclaman a diversificación da agricultura, aproveitando a profesionalidade dos agricultores destas zonas.
A diversidade foi sempre unha característica da nosa agricultura, de feito existen outras zonas, próximas ós núcleos de poboación, onde se mantén a produción diversificada segundo o sistema tradicional, principalmente con produtos da horta adicados ó autoconsumo, aínda que xa comezan a establecerse sistemas de agrupamento de agricultores en Rairiz de Veiga e Vilar de Santos coa finalidade de producir para o mercado.
A gandeiría constitúe un apoio ó sector principal da agricultura. Nos últimos anos apréciase un descenso das explotacións de gando vacún e a súa substitución por outras de gando ovino de la. Esta circunstancia explícase polo envellecemento da poboación que leva ao cambio do gando vacún por outro que ten un manexo máis sinxelo coa finalidade de manter as propiedades libres de maleza a través do pastoreo extensivo. A destacar son as experiencias postas en marcha en Allariz coa introdución do ovino de leite e a recuperación da raza de vacún Limiá case a piques de desaparecer. As técnicas que se están a desenvolver nos últimos anos con éxito e o silvopastoreo permiten conciliar os aproveitamentos gandeiro e forestal, ó tempo que garanten unha conservación axeitada do medio ambiente.
A instalación de parques empresariais ten propiciado a implantación de empresas de diferente tipo nos últimos anos, destacando aquelas que polo seu caracter innovador sitúanse en primeira liña nos seus sectores. Materiais textís, madeiras ou pedra son transformados aquí para saír diariamente cara a destinos en todo o mundo.
Un sector en auxe é o turismo que comezou a acadar niveis de desenvolvemento apreciables a finais do século XX, cando se fai un grande esforzo por parte das administracións locais para converter en activo turístico os recursos propios: ríos, paisaxe ou patrimonio construído pasan entón do abandono á primeira liña, sendo hoxe o estandarte da reserva. O ascenso deste sector apréciase claramente nos establecementos turísticos que foron abrindo nos últimos anos: hoteis, casas de turismo rural, albergues, camping…
Nos vindeiros anos, a Reserva afrontará o reto de conservar o seu entorno en equilibrio co crecemento que, sen dúbida, este sector debe seguir tendo.
Benestar social
A preocupación polo benestar dos habitantes da Reserva constitúe un dos obxectivos fundamentais dos catro concellos, de feito desenvolven programas e prestan servizos que permiten a participación e integración de tódalas persoas e grupos dentro da comunidade, especialmente daqueles sectores máis desfavorecidos.
A axuda no fogar, dirixida especialmente a persoas maiores ou discapacitados con dificultade para levar unha vida autónoma e a casos especiais de enfermidades ou hospitalizacións, o apoio puntual ás familias con necesidades básicas como vivenda ou alimentos, ou o asesoramento e información sobre os distintos recursos e axudas, son servizos xa consolidados dentro da Reserva.
Asemade, e atendendo a novas demandas sociais e situacións que se están a producir na actualidade, estanse a pór en marcha programas axeitados a outro tipo de necesidades que abranguen un maior número de poboación; desde actividades de dinamización cultural e deportiva, con dotación de instalacións como a Piscina climatizada en Allariz ou Escolas para Maiores en Vilar de Santos, a promoción do voluntariado con programas como o Banco de Tempo en Allariz, ou programas especialmente dirixidos á muller no rural como favorecer o seu acceso ao emprego e á formación, que se desenvolven nos catro concellos.
Allariz xa conta cun Fogar de Maiores, con diversas actividades de ocio e lecer, programa sociosanitario e outros servizos como comedor a domicilio, en Rairiz de Veiga existe un Centro de Día que no futuro tamén terá carácter de Residencia de maiores, e tanto en Vilar de Santos como en A Bola estase construíndo un Centro de Día con Vivenda Comunitaria, que ofertará distintas actividades, servizo de comedor e lavandería, fisioterapia e terapia ocupacional, así como a posibilidade de acollemento temporal a quen o necesite.
Tamén existen programas de Educación Familiar que inclúen o apoio ás familias con menores, destacando o concello de A Bola que imparte ata clases de apoio extraescolar e o Concello de Allariz onde funcionan as chamadas Aulas de espera para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar; asemade, nun futuro próximo estarán en marcha Galescolas nos catro concellos.