+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

As Reservas da Biosfera constitúen un modelo de xestión integrada, participativa e sostible do patrimonio e dos recursos naturais, cos obxectivos básicos de conxugar a preservación da biodiversidade ecolóxica e dos ecosistemas cun desenvolvemento ambiental sostible que produza a mellora do benestar da poboación, potenciando a participación pública, a investigación, a educación na integración entre desenvolvemento e medio e a formación en novas formas de mellorar esa integración.

A Reserva da Biosfera Área da Allariz

A Reserva da Biosfera Área de Allariz foi declarada no ano 2005 pola UNESCO e integrouse dende aquel momento na Rede Mundial de Reservas da Biosfera, na Rede Española de Reservas da Biosfera e, cando se creou a Rede Galega de Reservas da Biosfera, tamén participou nela.

Dende aquela, a Reserva da Biosfera Área de Allariz, contou cunha zonificación, onde se delimitaban as zonas núcleo, tampón e transición, mediante os criterios fixados pola UNESCO aplicando a Axenda 21 Local. Pero co paso dos anos, existiu a necesidade de actualizar a normativa e os órganos de goberno e participación da Reserva, como a súa zonificación, á vez que se plantexou de dotar á totalidade da Reserva da Biosfera Área de Allariz dun Plan de Xestión.

Obxectivos do Plan de Xestión

O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz elaborouse en base aos criterios fixados polo Programa Man & Biosphere da UNESCO, así como na normativa estatal e autonómica que regulan esta figura de Área Protexida por Instrumentos Internacionais, para así favorecer e fortalecer o funcionamento da Reserva. Entre os puntos máis reseñables pódense destacar:

  • Contribuír á redución da perda da biodiversidade, fomentando a conservación dos compoñentes e recursos naturais silvestres.
  • Contribuír á implementación de medidas de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático global.
  • Contribuír dende o ámbito rural e local ao cumplimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
  • Promocionar o desenvolvemento racional e sostible dos recursos naturais, tanto no medio rural coma nos enclaves urbanos da Reserva.
  • Contribuír á redución dos residuos xerados polas comunidades locais que forman parte da Reserva.
  • Fomentar a participación pública na xestión da Reserva, proporcionando á cidadanía canles para realizala e facilitando o acceso á información xerada na Reserva.
  • Establecer marcos sólidos de colaboración con outras Reservas, universidades, centros de investigación, entidades de desenvolvemento rural… que permitan definir e desenvolver proxectos comúns orientados ao cumplimento das funcións das Reservas.

O Plan constitúe tamén un compromiso compartido entre axentes locais, institucións públicas e os habitantes da Reserva para convertela nun elemento de dinamización, cohesión social e sostibilidade.