+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

Plan de acción

Mapa Reserva Biosfera Area de Allariz

As Reservas da Biosfera constitúen un modelo de xestión integrada, participativa e sostible do patrimonio e dos recursos naturais, cos obxectivos básicos de conxugar a preservación da biodiversidade ecolóxica e dos ecosistemas cun desenvolvemento ambiental sostible que produza a mellora do benestar da poboación, potenciando a participación pública, a investigación, a educación na integración entre desenvolvemento e medio e a formación en novas formas de mellorar esa integración.

A Reserva da Biosfera Área de Allariz

A Reserva da Biosfera Área de Allariz foi declarada no ano 2005 pola UNESCO e integrouse dende aquel momento na Rede Mundial de Reservas da Biosfera, na Rede Española de Reservas da Biosfera e, cando se creou a Rede Galega de Reservas da Biosfera, tamén participou nela.

Dende aquela, estruturouse mediante os criterios fixados pola UNESCO aplicando a Axenda 21 Local. Pero co paso dos anos, existiu a necesidade de actualizar a normativa e os órganos de goberno e participación da Reserva, como a súa zonificación, á vez que se plantexou de dotar á totalidade da Reserva da Biosfera Área de Allariz dun Plan de Xestión.

Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz

O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz elaborouse en base aos criterios fixados polo Programa Man & Biosphere da UNESCO, así como na normativa estatal e autonómica que regulan esta figura de Área Protexida por Instrumentos Internacionais, para así favorecer e fortalecer o funcionamento da Reserva. Entre os puntos máis reseñables pódense destacar:

  • Contribuír á reducción da perda da biodiversidade, fomentando a conservación dos compoñentes e recursos naturais silvestres.
  • Contribuír á implementación de medidas de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático global.
  • Contribuír dende o ámbito rural e local ao cumplimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
  • Promocionar o desenvolvemento racional e sostible dos recursos naturais, tanto no medio rural coma nos enclaves urbanos da Reserva.
  • Contribuír á reducción dos resudios xerados polas comunidades locais que forman parte da Reserva.
  • Fomentar a participación pública na xestión da Reserva, proporcionando á cidadanía canles para realizala e facilitando o acceso á información xerada na Reserva.
  • Establecer marcos sólidos de colaboración con outras Reservas, universidades, centros de investigación, entidades de desenvolvemento rural… que permitan definir e desenvolver proxectos comúns orientados ao cumplimento das funcións das Reservas.

O Plan constitúe tamén un compromiso compartido entre axentes locais, institucións públicas e os habitantes da Reserva para convertela nun elemento de dinamización, cohesión social e sostibilidade.

Órganos de Goberno e participación da Reserva da Biosfera

A Estratexia de Sevilla, o Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas de Biosfera e a normativa española regulan os aspectos básicos para articular os órganos dunha Reserva de Biosfera. Como órganos específicos de xestión están o Consello Rector da Reserva da Biosfera (CRRB) e o Xestor da Reserva (XRB). O órgano de participación pública recae no Foro de Participación da Reserva de Biosfera (FPRB). Tamén existe un órgano consultivo e de apoio para a formulación e seguimento de accións, que é o Consello Científico da Reserva de Biosfera (CCRB).

Todas as determinacións do Plan de Xestión estarán en vigor dende o día seguinte á constitución do Consello Rector da Reserva e seguirán vixentes durante un periodo de 10 anos. Aos 5 anos, o Consello Rector solicitará ao Consello Científico un informe sobre o grado de cumplimento, podéndose facer unha modificación parcial das liñas de actuación e no último ano de vixencia, o Consello Científico procederá a actualización do mesmo.

Liñas de actuación

O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz estrutúrase en 4 grandes liñas establecidas con conformidade cos obxectivos e directrices do Programa Man & Biosphere, concretamente coas contidas no Plan de Acción de Lima para a Rede Mundial das Reservas de Biosfera e no Plan de Acción de Ordesa – Viñamala para a Rede de Reservas de Biosfera Españolas.

Liña 1. Xestión adaptativa da Reserva da Biosfera.
Liña 2. Función de conservación da Reserva da Biosfera. Nesta liña tamén se inclúe o contemplado no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica e os obxectivos fixados no 2022 no Marco mundial Kunming-Montreal da diversidade biolóxica.
Liña 3. Función do desenvolvemento socio-económico da Reserva da Biosfera.
Liña 4. Función de apoio loxístico da Reserva da Biosfera.

Hai plantexadas 14 accións repartidas en cada unha das liñas citadas anteriormente que se poden consultar no Plan de Xestión (páxina 26).

Criterios para a xestión dos recursos naturais e políticas sectoriais

Os criterios básicos polos que se debe rexer unha Reserva da Biosfera son a conservación, protección, restauración e uso sostible dos recursos naturais e, en particular, dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade, identificados cos obxectivos do Marco mundial Kunming-Montreal da Diversidade Biolóxica aprobado en decembro de 2023.

Complementando este Marco está a Estratexia de Biodiversidade da UE e o Plan Estratéxico Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

As diferentes administracións con competencias no ámbito territorial deberán coordinar de forma efectiva as actuacións e de igual modo, as políticas públicas deberán ser compatibles co Programa Man & Biosphere.

Polo tanto, fomentarase unha mellor calidade de vida para os habitantes da Reserva da Biosfera mediante o impulso de medidas necesarias de dinamización e desenvolvemento sostible dirixidas ao uso público, como o turismo, agricultura, gandería e silvicultura; promocionaranse produtos de denominación de orixe e potenciarase o sector primario e do turismo no marco da Reserva da Biosfera.