A área de medio ambiente do Concello de Allariz, a través do programa RE, vén de repartir 5.000 litros de compost ao proxecto agroecolóxico Fóra de Linde.
O proxecto Fóra de Linde é unha iniciativa baseada nos principios da soberanía alimentaria e da agroecoloxía, con explotacións en Allariz. Recibiu, para a produción de hortalizas, 5.000 litros de compost maduro e óptimo en canto ás súas cualidades e o único autorizado para o seu uso en produción ecolóxica.
A concellería de medio ambiente abre así un novo campo de colaboración con produtores de horta ecolóxica e o programa RE, aportando compostaxe procedente dos grandes produtores. Bernardo Varela, concelleiro responsable, agradece a todos os veciños e veciñas así como a hostalería de Allariz “o seu esforzo na separación de lixo, que se está vendo recompensado pechando o círculo conseguindo nas nosas hortas grazas o esforzo de labregos e labregas como Fóra de Linde ou Mimá unha produción sostible e respectuosa co medio, para unha alimentación de calidade.”
O Concello de Allariz continua na súa labor de sensibilización apostando firmemente pola separación do lixo que se produce nas casas e locais de restauración, tratando a maior parte posible da materia orgánica con medios propios, evitando así custes ambientais e tamén sociais e económicos.
A área de medio ambiente ponse a disposición de veciños e veciñas por se houbera necesidade de cantidades maiores de compost dos que se dispón nas illas de compostaxe a través do correo tecnicomedioambiente@allariz.com O programa RE O Programa RE é un programa de compostaxe comunitaria de materia orgánica que pretende reducir a cantidade de residuos entregados a SOGAMA e cumplir, así, os obxectivos europeos do Horizonte 2020, de redución, reutilización e recuperación dos residuos xerados pola poboación.
Comentarios recentes