Desde o ano 2011 o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo traballa co Concello de Allariz no estudo e valorización do seu patrimonio arqueolóxico, concretamente do Monte do Señoriño, a ‘Cibdá’ romana ou Castro de Armea e o Castelo de Todea.
Este luns, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Mª Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, asinaron un convenio específico de colaboración para dar continuidade durante catro anos máis a esta colaboración na que o concello ourensán ten investido arredor de 150.000 euros.
Catro anos de convenio
O convenio asinado este luns, que ten unha duración de catro anos e renova o asinado en 2015, abrangue o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) na área arqueolóxica do Castro de Armea e a súa contorna (parroquia de Santa Mariña de Augas Santas). Tamén contempla a organización e realización de actividades académicas, labores de coordinación e dirección científica de índole histórico-arqueolóxica ou patrimonial e a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa, doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Allariz.
Para levar a cabo estas actividades e proxectos, a Universidade de Vigo achegará os medios humanos necesarios, preferentemente adscritos ao Geaat, así como tamén aportará os medios técnicos e científicos dos que dispoña. Pola súa parte, o Concello de Allariz comprométese a sufragar os gastos derivados da intervención ou proxecto concreto, achegando asemade os medios materiais e humanos dos que dispoña, segundo o proxecto anual aprobado no primeiro cuadrimestre de cada ano. O convenio recolle o compromiso de, cando menos, levar a cabo unha actividade ou proxecto anual, preferentemente unha campaña de escavación estival no Castro de Armea, durante os catro anos de vixencia.
Unha relación frutífera Trala sinatura, Manuel Reigosa quixo dar os parabéns polo traballo feito ata o de agora tanto ao Concello de Allariz como á Facultade de Historia e ao Geaat. “A Universidade ten a obriga moral de estar en todas estas actividades que supoñan desvelar o pasado da nosa cultura e do noso pobo e ademais pór en valor isto”, dixo o reitor amosando a súa confianza en que esta nova etapa do proxecto “sexa un novo éxito tanto para a comunidade científica como a comunidade cultural”.
Pola súa banda, Mª Cristina Cid salientou a relación “de moi boa saúde” que une á Universidade con este concello desde o ano 2011. Así, a alcaldesa recalcou como esta colaboración “non fai posible só que coñezamos o noso pasado senón que nos posibilita poñelo en valor e que iso cree dinamización económica”. Amosando a súa confianza en que “o xacemento nos vai a dar moitos anos de relación e de traballo”, Cid adiantou como o obxectivo é continuar as intervencións tanto no Castelo de Todea como no Castro de Armea, indicando neste último caso como están traballando para ter máis terreos para ampliar a zona de escavación.
Como decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda subliñou como esta iniciativa se enmarca no compromiso do centro por interaccionar coa contorna e quixo agradecer especialmente o feito de que Allariz “foi o primeiro concello que confiou en nós para levar a cabo este tipo de tarefas que hoxe en día se estenderon a máis concellos, pero eles foron os pioneiros”. O Proxecto Armea, indicou a decana, “é a día de hoxe o proxecto máis lonxevo da facultade” e “é un referente para a arqueoloxía galega e peninsular”. En nome dos investigadores líderes do proxecto, os profesores da Facultade de Historia Adolfo Fernández e Fermín Pérez, Susana Reboreda lembrou como o proxecto naceu no ano 2011 coa escavación e investigación do xacemento do Monte do Señoriño, continuando ata 2013, o que “permitiu unha escavación de practicamente todo o xacemento e a súa posta en valor”.
En 2014, detallou, asinouse un novo contrato, esta vez enfocado á ‘Cibdá’ de Armea, onde Francisco Conde-Valvís escavara nos anos 50. “Dende aquela vense escavando, conservando e musealizando sistematicamente cada ano a ‘Cibdá’ romana de Armea”, indicou Reboreda.
A estes traballo engadiuse o realizado no Castelo de Todea desde o ano 2016.
Comentarios recentes