+34 988 442 210 info@areadeallariz.com

A Estratexia de Sevilla, o Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas de Biosfera e a normativa española regulan os aspectos básicos para articular os órganos dunha Reserva de Biosfera.

A continuación, farase unha explicación concreta dos órganos de goberno e liñas de actuación da nosa Reserva, acorde con este marco e tendo en conta a configuración dos órganos establecidos noutros espazos da Rede Española de Reserva de Biosfera.

Órganos de Goberno e participación da Reserva da Biosfera

Como órganos específicos de xestión están o Consello Rector da Reserva da Biosfera (CRRB) e o Xestor da Reserva (XRB). O órgano de participación pública recae no Foro de Participación da Reserva de Biosfera (FPRB). Tamén existe un órgano consultivo e de apoio para a formulación e seguimento de accións, que é o Consello Científico da Reserva de Biosfera (CCRB).

Todas as determinacións do Plan de Xestión estarán en vigor dende o día seguinte á constitución do Consello Rector da Reserva e seguirán vixentes durante un periodo de 10 anos. Aos 5 anos, o Consello Rector solicitará ao Consello Científico un informe sobre o grado de cumplimento, podéndose facer unha modificación parcial das liñas de actuación e no último ano de vixencia, o Consello Científico procederá a actualización do mesmo.

Liñas de actuación

O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz estrutúrase en 4 grandes liñas establecidas con conformidade cos obxectivos e directrices do Programa Man & Biosphere, concretamente coas contidas no Plan de Acción de Lima para a Rede Mundial das Reservas de Biosfera e no Plan de Acción de Ordesa – Viñamala para a Rede de Reservas de Biosfera Españolas.

Liña 1. Xestión adaptativa da Reserva da Biosfera.
Liña 2. Función de conservación da Reserva da Biosfera. Nesta liña tamén se inclúe o contemplado no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica e os obxectivos fixados no 2022 no Marco mundial Kunming-Montreal da diversidade biolóxica.
Liña 3. Función do desenvolvemento socio-económico da Reserva da Biosfera.
Liña 4. Función de apoio loxístico da Reserva da Biosfera.

Hai plantexadas 14 accións repartidas en cada unha das liñas citadas anteriormente que se poden consultar no Plan de Xestión.


Criterios para a xestión dos recursos naturais e políticas sectoriais

Os criterios básicos polos que se debe rexer unha Reserva da Biosfera son a conservación, protección, restauración e uso sostible dos recursos naturais e, en particular, dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade, identificados cos obxectivos do Marco mundial Kunming-Montreal da Diversidade Biolóxica aprobado en decembro de 2023.

Complementando este Marco está a Estratexia de Biodiversidade da UE e o Plan Estratéxico Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

As diferentes administracións con competencias no ámbito territorial deberán coordinar de forma efectiva as actuacións e de igual modo, as políticas públicas deberán ser compatibles co Programa Man & Biosphere.

Polo tanto, fomentarase unha mellor calidade de vida para os habitantes da Reserva da Biosfera mediante o impulso de medidas necesarias de dinamización e desenvolvemento sostible dirixidas ao uso público, como o turismo, agricultura, gandería e silvicultura; promocionaranse produtos de denominación de orixe e potenciarase o sector primario e do turismo no marco da Reserva da Biosfera.