[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

» O Territorio » A vida hoxe na Reserva
 
A vida hoxe na Reserva

A poboación da Área de Allariz distribúese principalmente en núcleos dispersos. A reserva conta cun total de 32 parroquias que espallan a poboación e, ao mesmo tempo, achégana á terra que traballan ou traballaban.
A maior parte da poboación vive nas chamadas Áreas de Transición, e tan só un 29% está dentro das Zonas Tampón. Para un axeitado equilibrio medioambiental é moi importante seguir sendo quen de manter estes niveis de poboación en cada área.
Nos últimos anos apréciase un importante crecemento do número de vivendas, aínda que por desgraza o número de antigas edificacións que foron abandonadas segue a ser unha ameaza. Para evitalo, nos concellos da Reserva estáse a facer unha aposta decidida pola recuperación do patrimonio que se concreta na recuperación de antigos edificios para usos públicos. Este esforzo dos concellos está a ser recompensado polos veciños que, seguindo o seu exemplo, recuperan de maneira individual as vivendas familiares que herdan. Sen dúbida, tamén é importante o número de forasteiros que, atraídos pola sona deste territorio, comezan a comprar e a rehabilitar.


Nalgunhas parroquias, esa tendencia comeza a ser moi evidente; é o caso da vila de Allariz ou Requeixo de Valverde, aínda que tamén son de destacar Soutomel, Vilar de Santos, Parada de Outeiro ou Ordes onde, se ben o aumento da poboación non é significativo, si existe unha ruptura da tendencia na regresión demográfica.
A idade media da poboación sitúase nos 50 anos. O envellecemento e a baixa natalidade son algúns dos problemas para manter un desenvolvemento sostible xa que tan só o 58% da poboación está en idade de traballar. A solución a este problema pode vir dada polos movementos de poboación desde outros territorios, ben sexa de persoas do territorio que retornan da emigración ou persoas de fóra que, atraídas polos proxectos que aquí se están a pór en marcha, decidan elixilo como fogar. Este factor comeza a reflectirse no aumento da porcentaxe de poboación residente na área pero que non naceu na mesma.


A maior parte da poboación ocupada pertence ó sector servizos, non obstante a agricultura é o sector que maior importancia ten no mantemento do medio, sendo a actividade que abarca a maior parte do territorio e contribuíndo a manter o equilibrio medioambiental existente. Ó longo da historia, unha das principais características que define á sociedade que se asenta neste territorio é a de fundamentar a actividade económica na agricultura, e en menor medida na gandeira. Aínda que actualmente ten aumentado substancialmente a poboación adicada ós sectores secundario e terciario, a relación coa actividade agropecuaria segue a ser moi forte.


Na década de 1970 iniciouse a modificación dos sistemas de cultivos que veu dada polos procesos de concentración parcelaria que afectaron á comarca da Limia, incluída en parte dentro da Reserva. A partir deste momento, a agricultura comeza a fundamentarse no cultivo da pataca e, en menor medida, dos cereais de inverno, nun sistema de rotación entre os dous cultivos.
Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e a parroquia de Coedo en Allariz pertencen a unha das zonas máis produtivas de Galicia no referido á agricultura. A extensión do cultivo da pataca supuxo unha revolución no desenvolvemento do sector agrícola na zona. De feito, ata existe unha denominación de orixe que certifica a calidade do produto. O inconveniente principal deste sistema baseado no bicultivo extensivo de pataca e cereal é a forte dependencia da eco¬nomía dos agricultores dos prezos dun mercado pouco estable. Por iso, cada día son máis os que reclaman a diversificación da agricultura, aproveitando a profesionalidade dos agricultores destas zonas.
A diversidade foi sempre unha característica da nosa agricultura, de feito existen outras zonas, próximas ós núcleos de poboación, onde se mantén a produción diversificada segundo o sistema tradicional, principalmente con produtos da horta adicados ó autoconsumo, aínda que xa comezan a establecerse sistemas de agrupamento de agricultores en Rairiz de Veiga e Vilar de Santos coa finalidade de producir para o mercado.
A gandeiría constitúe un apoio ó sector principal da agricultura. Nos últimos anos apréciase un descenso das explotacións de gando vacún e a súa substitución por outras de gando ovino de la. Esta circunstancia explícase polo envellecemento da poboación que leva ao cambio do gando vacún por outro que ten un manexo máis sinxelo coa finalidade de manter as propiedades libres de maleza a través do pastoreo extensivo. A destacar son as experiencias postas en marcha en Allariz coa introdución do ovino de leite e a recuperación da raza de vacún Limiá case a piques de desaparecer. As técnicas que se están a desenvolver nos últimos anos con éxito e o silvopastoreo permiten conciliar os aproveitamentos gandeiro e forestal, ó tempo que garanten unha conservación axeitada do medio ambiente.

A instalación de parques empresariais ten propiciado a implantación de empresas de diferente tipo nos últimos anos, destacando aquelas que polo seu caracter innovador sitúanse en primeira liña nos seus sectores. Materiais textís, madeiras ou pedra son transformados aquí para saír diariamente cara a destinos en todo o mundo.

Un sector en auxe é o turismo que comezou a acadar niveis de desenvolvemento apreciables a finais do século XX, cando se fai un grande esforzo por parte das administracións locais para converter en activo turístico os recursos propios: ríos, paisaxe ou patrimonio construído pasan entón do abandono á primeira liña, sendo hoxe o estandarte da reserva. O ascenso deste sector apréciase claramente nos establecementos turísticos que foron abrindo nos últimos anos: hoteis, casas de turismo rural, albergues, camping...
Nos vindeiros anos, a Reserva afrontará o reto de conservar o seu entorno en equilibrio co crecemento que, sen dúbida, este sector debe seguir tendo.

Benestar social

A preocupación polo benestar dos habitantes da Reserva constitúe un dos obxectivos fundamentais dos catro concellos, de feito desenvolven programas e prestan servizos que permiten a participación e integración de tódalas persoas e grupos dentro da comunidade, especialmente daqueles sectores máis desfavorecidos.
A axuda no fogar, dirixida especialmente a persoas maiores ou discapacitados con dificultade para levar unha vida autónoma e a casos especiais de enfermidades ou hospitalizacións,
o apoio puntual ás familias con necesidades básicas como vivenda ou alimentos, ou o asesoramento e información sobre os distintos recursos e axudas, son servizos xa consolidados dentro da Reserva.
Asemade, e atendendo a novas demandas sociais e situacións que se están a producir na actualidade, estanse a pór en marcha programas axeitados a outro tipo de necesidades que abranguen un maior número de poboación; desde actividades de dinamización cultural e deportiva, con dotación de instalacións como a Piscina climatizada en Allariz ou Escolas para Maiores en Vilar de Santos, a promoción do voluntariado con programas como o Banco de Tempo en Allariz, ou programas especialmente dirixidos á muller no rural como favorecer o seu acceso ao emprego e á formación, que se desenvolven nos catro concellos.
Allariz xa conta cun Fogar de Maiores, con diversas actividades de ocio e lecer, programa sociosanitario e outros servizos como comedor a domicilio, en Rairiz de Veiga existe un Centro de Día que no futuro tamén terá carácter de Residencia de maiores, e tanto en Vilar de Santos como en A Bola estase construíndo un Centro de Día con Vivenda Comunitaria, que ofertará distintas actividades, servizo de comedor e lavandería, fisioterapia e terapia ocupacional, así como a posibilidade de acollemento temporal a quen o necesite.

Tamén existen programas de Educación Familiar que inclúen o apoio ás familias con menores, destacando o concello de A Bola que imparte ata clases de apoio extraescolar e o Concello de Allariz onde funcionan as chamadas Aulas de espera para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar; asemade, nun futuro próximo estarán en marcha Galescolas nos catro concellos.

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21


marco inferior