[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

» Núcleos de Sostibilidade » Consellos
 
Coidar a reserva é responsabilidade de todos

O bo uso da terra practicado durante séculos, e que favoreceu enormemente a conservación medioambiental, constitúe un dos máis importantes valores da Reserva. Os nosos pais e avós coidaron de non malgastar o que a natureza lles ofrecía, usando tan só aquelo que necesitaban e evitando desperdiciar nada.

Polo tanto hoxe, todos os que vivimos nela, debemos ser coidadosos cos cambios nos xeitos de traballar e de aproveitar o noso territorio, procurando non estragar o acadado ata agora.


Algunhas medidas e bos costumes para o Aforro de Enerxía

  • Facer a construción ou rehabilitación de vivendas pensando no aforro enerxético: aproveitar a calor do sol para quentar a casa mediante unha boa orientación das ventás cara o Sur ou utilizar un bo illamento das paredes e ventás.
  • Facer uso das enerxías renovables nos edificios: os paneis solares son unha boa alternativa para abastecer o fogar de auga quente ou calefacción.
  • Aproveitar a leña para quentar a casa, axudando a manter os bosques limpos, e evitando o consumo de combustibles fósiles como o petróleo ou carbón.
  • Utilizar lámpadas e electrodomésticos de baixo consumo, ¿Sabías que unha lámpada de aforro de 15 W alumea tanto como unha normal de 40 W, e dura 10 veces máis?.
  • Apagar a televisión se non se está a ver, non deixar as luces acesas sen necesidade ou man¬ter a calefacción a unha temperatura axeitada.
  • Evitar usar pilas e, no caso de facelo, empregar pilas recargables, ou mercar un cargador solar. Cando as pilas se esgoten, deposítaas nos contedores axeitados.
  • Empregar o transporte público para chegar á escola ou ó traballo. Camiñar ou empregar a bicicleta nos desprazamentos curtos.

A auga é un ben, cada vez máis escaso, que debemos coidar como un tesouro. Algúns consellos que debemos ter en conta son:

  • Ducharse en vez de bañarse, aforra auga.
  • Instalar sistemas de aforro de auga na cisterna, billas, etc. Introducir unha botella chea de area dentro da cisterna para aforrar 1 litro de auga cada vez que se tira da cadea.¿Cantos litros de auga podes aforrar deste xeito ó ano na túa casa?
  • En canto ao uso da auga no xardín, no agro ou na granxa, hai que procurar:
    • Reducir ó mínimo a produción de augas sucias.
    • Revisar as canalizacións e conducións de auga para evitar fugas.
    • Regar nas horas de baixa insolación e só o necesario.
    • Instalar sistemas de recuperación e depuración das augas de lavado do gando para evitar a contaminación do entorno. 
    • Empregar bebedoiros automáticos que non desperdicien a auga. 
    • Ter especial coidado no uso de abonos mi¬nerais, especialmente os nitroxenados, xa que contaminan os ríos e as fontes.

¿Qué facer cos residuos?

  • Lémbrate da regra dos 3 erres: reduce, reutiliza e recicla, así colaborarás na recollida selectiva. Pero, sobre todo, REDUCE a cantidade de lixo que produces. ¿Sabías que cada galeg@ produce ó redor de 1 quilo de lixo ó día?. Calcula os quilos producidos ó longo dun mes, ¿e dun ano?
  • Os residuos orgánicos, os restos de comida, ¿quen os vai a aproveitar mellor co porco ou o can? Tamén se poden usar como abono para a horta ou o xardín.
  • Nas vivendas con lareiras, o papel pode usarse para acendelo lume, como se fixo toda a vida.
  • Aproveitar o papel polas dúas caras e usar papel reciclado. Aforrarás auga,enerxía e contribuirás á conservación dos nosos bosques.
  • Os envases domésticos podemos separalos para cadanseu colector.
    • No colector amarelo: os plásticos, briks e envases metálicos.
    • No azul: cartón e papel.
    • No iglú verde: o vidro. 
  • Cando merques escolle preferentemente produtos reutilizables, reciclables ou biodegradables.
  • Nunca tirar aceite e graxas ó solo, nin a cursos de auga, fosas sépticas ou á rede de sumidoiros. 
  • Non tirar escombros en vertedoiros non autorizados. 
  • Se utilizas produtos fitosanitarios é importante obter o carné de aplicador destes pro¬dutos e levar os envases aos puntos axeitados de recollida.

Conservar o solo e o entorno natural

  • Restrinxir o uso do lume ó minimo: O lume pode destruír zonas que tardarán moitos anos en rexenerarse, non fagas queimas sen permiso; por moi pequeno que penses que será o lume, e aínda que teñas permiso, non acendas se se levanta o vento.
  • Reducir as superficies de solo sen vexetación para evitar a súa perda pola erosión. Procura utilizar sementes ou esqueixes de plantas de horta do sitio no que vives, están mellor adaptadas ó clima da zona e resisten mellor as pragas. 
  • Intercalar plantas aromáticas que fagan de insecticidas naturais. 
  • Recuperar os solos esgotados aportando materia orgánica (por exemplo, esterco). 
  • O bo mantemento das presas e outras canalizacións da auga da chuvia evitan a erosión do solo e os danos polas trombas de auga. 
  • Protexe o bosque das marxes dos ríos xa que manteñen o cauce no seu sitio. 
  • Utiliza barreiras de vexetación ou sebes para separar as fincas xa que conservan a humidade e crean abrigo protexendo dos ventos. 
  • Realiza un bo uso dos estercos e xurros tendo en conta o seguinte: 
    • Realiza aplicacións directas dos xurros evitando a pulverización.
    • Revisa que as fosas non teñan filtracións ó terreo. 
    • A súa capacidade debe ser suficiente para acoller o volume xerado no inverno. 
    • Aplica os xurros en épocas nas que non chova en esceso para evitar o seu lavado e a contaminación de ríos e fontes.
    • Deixa unha franxa sen abonar de 10 a 15 metros respecto dos ríos e de 5 metros respecto doutras fincas e casas. 
    • Deixa sen abonar de 35 a 50 metros de distancia ás fontes ou pozos. 
    • Sitúa as pilas de esterco fóra de zonas por onde escorra a auga.

Sobre todo o máis importante é aplicar o sentido común. A día de hoxe a inmensa maioría dos veciños e veciñas sabemos o que debemos facer, pero o importante é facelo.

Se xa o fas, grazas por axudarnos a coidar a Reserva.

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21


marco inferior