[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

» A Biodiversidade » A Fauna
 
A fauna da reserva

Os animais da casa

Vacas e bois constituían a base da economía dos labregos, ata incluso chegar a calcular a riqueza dunha persoa pola cantidade de animais que posuía. Tiñan grande importancia polo aproveitamento que se facía deles: leite, carne, coiro, etc. ademáis do seu rendemento no traballo como animais de tiro. A raza vacúa limiá, foi recuperada recentemente pola asociación de gandeiros de Penamá e o Centro de recuperacion zooxenética de Fonte Fiz. Esta raza caracterízase pola súa grande talla, corno pequeno, patas fortes, de cor escura e moita forza.

O porco era fundamental para a mantenza do campesiño, sobre todo, no inverno. Desde que as crías son mercadas na feira ata a matanza, reciben unha serie de coidados destinados a cebalo animal. Polo San Martiño, comezan as matanzas que duran ata xaneiro ou febreiro. Na matanza, participaban tódolos veciños que axudan a matar, despezar e elaborar os diferentes produtos que se obteñen do animal. Todo se aproveita, polo que resolve a manutención dunha familia durante bastante tempo e aínda hoxe é un costume moi extendido.

Son abondosos os rabaños de ovellas e cabras dentro da Reserva, aínda na actualidade. Delas aproveitase a lá, o leite, a carne, o pelico e o esterco. Antigamente se eran moitas, ían coa “veceira”: sistema de quendas que seguen os
veciños para coidar o rabaño, levalo pastar ó monte durante uns días, ata que se fai cargo o seguinte. A raza máis común é a Ovella galega, mesturada con outras: a Fundación González Ferreiro de Allariz introduciu, hai alguns anos, a ovella Latxa do País Vasco, creándose a primeira explotación de ovellas de leite e dando lugar á fabricación do único queixo de ovella de Galicia.

Básicamente cabalos, burros e mulas eran utilizados como medio de transporte. Na Saínza, concello de Rairiz de Veiga, aínda poden verse cabalos soltos pacendo en terreos comunais.

Na actualidade, poucas casas contan con algún destes animais, aínda que hoxe son, sobre todo, empregados para deporte ou recreo.


Os animais salvaxes

A fauna salvaxe presente na Reserva da Biosfera caracterízase por acadar un alto nivel de biodiversidade debido á riqueza e variedade de hábitats que existen, así como á interacción dos distintos ecosistemas como os bosques de ribeira, as zonas encharcadas, os prados, mondos ecosistemas onde habitan e polo tanto dos modos de vida tradicionais que modelan unha paisaxe humanizada en equilibrio co medio, onde cada especie ten unha función importante e ben definida. A modificación dunhas poboacións supoñen alteracións noutras que, en xeral, son menos desexables para o home, supondo aumento de pragas, danos en cultivos.

Especial importancia ten o mantemento dos ecosistemas vencellados á rede fluvial, pois son corredores ecolóxicos que comunican diferentes zonas e evitan o illamento das pequenas poboacións.

Existen numerosas especies que son endemismos (animais propios e exclusivos desta área) e outras que están incluídas nos diferentes listados de protección. Destacamos algunhas especies que son singulares e algunhas delas en perígo de extinción:

  • Mamíferos: Furón bravo, Lontra, Teixugo, Xeneta, Doniña (Mustela nivalis), Lobo, Raposo, Corzo, Xabarín e Coello (Oryctolagus cunículus).

  • Aves: Cegoña, Buxato (Buteo buteo), Aguia, Azor, Falcón, Avefría, Bilurico, Mazarico real, Sisón (Tetrax tetrax), Martiño peixeiro (Alcedo atthis), Merlo rieiro (Cinclus cinclus), Garza e Perdiz (Alectoris rufa).

  • Réptiles: Lagarto verdinegro, Lagarto ocelado, Lagartiña, Sapoconcho galego-galápago europeo (Emys orbicularis), Víbora galega, Cobra de colar (natrix natrix), Cobra de escaleira (Elaphe scalaris) e Cobra bastarda (Malpolou mospessulanus).

  • Anfibios: Ra común, Ra patilonga, Ra de San Antón, Sapo común, Sapo corredor, Tritón ou Pinta¬fontes, Saramaganta, Saramaganta rabuda.

  • Insectos: Vacaloura, Bolboreta pavo real.

  • Molusco bivalvo: Mexilón de río (Margaritifera margaritifera).

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21


marco inferior